Tomiño declara ao pintor Antonio Fernández Fillo Predilecto da vila

O 27  de xaneiro de  2014 a corporación votou por unanimidade o nomeamento do artista goianés.

O goberno local designou Fillo Predilecto do Concello de Tomiño a Antonio Fernández Gómez “pola súa calidade como pintor; polo valor da súa obra dentro da historia da pintura galega, e pola súa implicación social desinteresada, pasando a ser un dos maiores filántropos do concello”. Na oportunidade, a alcaldesa Sandra González, adiantou que o día 16 de febreiro realizarase un acto oficial no que participarán distintos colectivos de Goián para render homenaxe ao insigne artista. Reproducimos a continuación a fundamentación da proposta da Alcaldía para o nomeamento de Fillo Predilecto:
O goberno municipal de Tomiño propón nomear Fillo Predilecto deste Concello ao ilustre pintor goianés Antonio Fernández Gómez.

Antonio Fernández naceu en Goián o 16 febreiro de 1882. Aos 12 anos emigra ao Brasil onde comeza a súa formación como pintor da man do artista alemán Ernest Papf. As cidades de Santos, Río de Janeiro e São Paulo acollerán as súas primeiras exposicións que o darán a coñecer entre o colectivo emigrante. A elas volverá asiduamente para vender as súas obras, estas xa feitas en Italia onde se establece desde o 1901. Na vila de Antícoli Corrado asentará a súa residencia durante varias décadas e é aquí onde realizará o maior volume de obras adquirindo a madurez artística.
1929 será o ano do seu regreso a Goián. Aquí vivirá ata o seu falecemento o 20 de novembro de 1970. Antonio Fernández adicará 40 anos da súa vida a pintar as súas paisaxes e as súas xentes, pero tamén desenvolverá unha polifacética labor social, humanista e intelectual. Así pois, organizará exposicións, escribirá artigos para varios semanarios, e implicarase nos aconteceres da súa parroquia. Antonio Fernández participará nas actividades e problemáticas de Goián, doará os terreos da súa casa natal na praza da Igrexa para escola pública, pintará un plano territorial de Goián a escala, estudará e recollerá restos arqueolóxicos, colaborará cos grupos de teatro do Centro Goianés pintando os escenarios, fará traballos de fotografía, e deseñará o Goián do futuro, con proxectos como os xardíns do Regatiño e a actual alameda, o campo de fútbol ou o segundo campanario da igrexa. Esta implicación de carácter altruísta e o seu carácter humilde erguerá unha personalidade cun recoñecemento público unánime, pasando a ser moi querido entre os seus veciños e veciñas .
Por todo isto, consideramos que o Concello de Tomiño debe recoñecer a Antonio Fernández como o seu Fillo Predilecto pola súa calidade como pintor e o valor da súa obra dentro da historia da pintura galega, e pola súa implicación social desinteresada, pasando a ser un dos maiores filántropos do Concello.
Este nomeamento vén a sumarse aos actos de homenaxe celebrados durante o ano pasado, e que continuarán no 2014, dentro do marco do Ano Antonio Fernández, organizado polo Concello e a Asociación Pintor Antonio Fernández.