Pintor de tres mundos

Antonio Fernández Gómez (1882-1970) é, desde a perspectiva da historia da arte galega, un pintor excéntrico. Nacido en Goián e formado no Brasil, onde emigra en 1894 con apenas doce anos, o artista vai realizar a súa formación de a cabalo do país americano e de Italia, onde chega en 1901, instalándose no verán de 1902 na vila de Anticoli Corrado, nos montes Abruzzi.

O noso artista foi un creador que sempre se sentiu a gusto coa tradición. Como moitos pintores formados a finais do XIX, ten o museo como escola e modelo mais non deixa de ser un pintor do seu tempo entroncando coa tradición europea do paisaxismo pintoresco decimonónico, cun manifesto interese polas imaxes rurais. Unha linguaxe que o noso pintor vai encontrar en Italia, na vila de Anticoli Corrado, provincia de Roma, no Lazio, ámbito xeográfico de esgrevio atractivo ao que regresará de xeito recorrente até finais dos anos vinte.

A volta definitiva a Galiza, en 1929, non vai supor unha ruptura cun estilo nesta altura xa solidamente asentado. Fernández seguirá cos temas costumistas e co seu paisaxismo pintoresco, acentuando, se cadra, o bucolismo atemporal mais mantendo a calidade da súa obra, en especial nas décadas dos trinta e corenta.

Situado nestes contextos territoriais e vitais, Antonio Fernández vai preocuparse por captar os efectos de luz e sombra e polos detalles das casas e a paisaxe, atendendo a unha estética pintoresca: velaí as escenas rústicas populares que representan diferentes aspectos da vida tradicional rural: os labores domésticos; as festas; os pastores…

Nestes aspectos temáticos e formais coincide cos rexionalistas que nas primeiras décadas do XX traballan en Galiza, tendendo a representar figuras sen apenas pegadas da fatiga e sucidade propias dos labores agrarios. Malia isto, débese sinalar que Antonio Fernández presenta os temas dun xeito realista, sen o sentimentalismo bucólico con que moitos artistas captaron motivos semellantes, creando un mundo acolledor e íntimo de pastores, rabaños, vieiros entre montes e arquitectura popular, que evidencia un amor fondo polo mundo tradicional. O pintor sente, xa que logo, unha marcada preferencia por documentar a apracíbel aldea, a construción humilde, a árbore senlleira e a montaña esgrevia, evocando sentimentos de quietude, sobriedade e tradicións ancestrais.

Carlos L. Bernárdez