Comisión AF

comision-Antonio-Fdez

Manifesto da Comisión Antonio Fernández

O 20 de maio de 2013 o Concello de Tomiño, varias asociacións e entidades colectivas unidas a Goián e un grupo de veciños e veciñas reuníronse no Centro Goianés e decidiron constituír a Comisión Antonio Fernández. Todos estamos sensibilizados coa figura do insigne pintor goianés e somos conscientes de que até agora o seu legado non ten o coñecemento social que merece.

Así mesmo, recoñecemos que as institucións públicas non deron resposta á protección e promoción do seu patrimonio cultural. Foron derrubados tanto a súa casa natal como o seu taller, feito que se fai más grave tratándose dunha persoa solidaria e colaboradora, que doou os terreos para construír as escolas de Goián; co cal consideramos que existe unha débeda histórica do pobo e da administración pública con esta persoa.

Os obxectivos da Comisión Antonio Fernández serán recompilar, identificar e dar coñecemento do traballo artístico do pintor; valorizar a figura humanista, filántropa e social da persoa e evitar que a súa figura nunca máis caía no esquecemento entre os veciños do concello e da comarca. Despois de varias reunións de traballo e valoracións colectivas conclúese que se celebrará o Ano Antonio Fernandez no cal a Comisión desenvolverá e executará as seguintes actividades:

  1. Crear a Bolsa Antonio Fernández co obxecto de contratar a unha persoa licenciada en Historia da Arte para catalogar a súa obra e recoller información e documentación ao redor da súa figura.
  2. Dedicar unha aula das escolas vellas para albergar o material e a documentación que se recolla, creando a Aula-museo Antonio Fernández, que pretendemos que sexa xerme do futuro museo.
  3. Organizar a Exposición “Antonio Fernández:pintor de tres mundos”, comisionada polo crítico de arte Carlos L. Bernárdez e que se celebrará no Centro Goianés do 4 ao 20 de outubro de 2013.
  4. Organizar o I Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández o domingo 25 de agosto de 2013, que estará patrocinado polo Concello e a Comunidade de Montes.
  5. Crear un portal web www.antoniofernandezpintor.com no cal se recollerá información e documentación sobre a súa vida e a catalogación da súa obra.
  6. Viaxe ao Museo Provincial de Lugo aberta a todos os veciños de Goián para que coñezan a Sala Antonio Fernández, sita en dito museo, a cal se fará en setembro de 2013.
  7. Ano Escolar Antonio Fernández, no cal estarán involucrados as dirección dos centros de ensino, especialmente o CEIP Pintor Antonio Fernández, no que se dará a coñecer a exposición e a súa figura entre o alumnado.
  8. Campaña do comercio, a proposta de ADETO, onde cada establecemento comercial colocará unha réplica dun cadro de Antonio Fernández en sinal de apoio a difusión de todos estes actos.
  9. En novembro celebrarase o Ciclo de Cinema Antonio Fernández, no cal se proxectarán filmes relacionados coa arte a proposta do Cineclube Poleiro.
  10. Homenaxe musical o 16 de febreiro (132º aniversario do seu nacemento) organizado pola Agrupación Musical de Goián .
  11. Solicitude ao pleno da corporación municipal do nomeamento de Antonio Fernández como Fillo Predilecto a título póstumo

Os abaixo asinantes comprometémonos a traballar a prol destas obxectivos e a difundir estas actividades coa idea de devolver o que el tanto aportou á sociedade e contribuír a que o legado de Antonio Fernández sexa transmitido ás xeracións futuras.

Goián, a 23 de agosto de 2013.

Concello de Tomiño
Comunidade de Montes de Goián
Asociación de Veciños de Goián
Centro Goianés
Comunidade de Usuarios de Augas de Goián
Asociación Cultural Eliseo Alonso
CineclA aula-museo Antonio Fernández