Centos de persoas arropan a exposición-homenaxe a Antonio Fernández inaugurada en Goián

 Inauguración-1r Inauguración-2-Bernárdezr

A mostra foi presentada polo crítico de arte e historiador Carlos L. Bernárdez

A exposición “Antonio Fernández: Pintor de tres mundos”, foi inaugurada o venres 4 de outubro ás 20.00 horas no Centro Goianés, cun salón completamente abarrotado de público.

Organizada polo Concello de Tomiño e a Comisión Antonio Fernández, a mostra foi presentada polo crítico de arte e historiador Carlos L. Bernárdez, comisario da exposición, que estivo acompañado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a concelleira de Cultura, Cristina Martínez, o concelleiro de Patrimonio, Uxío Benítez, de Goián, e todos os membros da comisión Antonio Fernández.

A exposición, composta por unha vintena de cadros (entre os que se atopan paisaxes, escenas costumistas, retratos, etc.), foi cualificada polo comisario coma “excepcional”, tanto pola súa calidade, coma por tratarse da primeira destas características que se realiza en Galicia.

“Esta é unha exposición excepcional no contexto dunha vila coma esta, xa que se trata duna mostra que podería estar en calquera cidade”, apuntou Carlos L. Bernárdez.

O crítico de arte explicou que a mostra ten unha estrutura “narrativa”, segundo a cal pode ser visitada polo público. Neste sentido, Bernárdez explicou que a exposición comeza cos retratos do pintor; un de autoría de Xavier Pousa, e outro, do propio artista. A continuación poden verse as obras que foi realizando nas súas diferentes etapas. A do Brasil (país ao que emigrou con apenas 12 anos), Italia (en especial, a vila do Lazio “Antícoli”, onde perfeccionou e desenvolveu unha parte fundamental da súa obra ) e Goián (vila á que regresa na madurez e onde comeza a súa etapa de vinculación con outros artistas e coa sociedade en xeral.

O comisario da exposición salientou de xeito especial a dimensión humana e filántropa do artista goianés, ao que cualificou coma un “pintor de museo, cuxas obras resisten moi ben o paso do tempo e das modas”.

Ademais do comisario da exposición, interviron a concelleira de Cultura, Cristina Martínez e o presidente do Centro Goianés, Ramón Alonso. Ambos expresaron a súa grande satisfacción polo logro obtido entre veciños e Concello traballando de forma conxunta.

A alcaldesa de Tomiño, pola súa banda, agradeceu o esforzo e tesón de todas as persoas implicadas no proxecto, salientando a xenerosidade e entrega dos particulares e organismos que prestadores das obras (fundacións (Xavier Pousa, Mª José Jove, etc.), galerías de arte (José Lorenzo. Santiago; Monte Negro e Monte Blanco, Vigo), Museo Quiñones de León e particulares).

A alcaldesa, referiuse tamén á dimensión humana do pintor goianés, e explicou que “O Concello tiña unha débeda histórica con Antonio Fernández”. Asemade, a rexedora resaltou que “o maior mérito desta exposición é que é o resultado das ideas e traballo de todos”.

O acto foi amenizado polo dúo musical composto por Roi Casal (arpa) e Silvia Ferre (voz).

A exposición forma parte do “Ano Antonio Fernández”; unha serie de actos organizados durante 2013 e 2014 e que comprenden, certames de pintura, visitas guiadas, excursións a museos, actividades escolares, ciclos de cine e música, etc.

A mostra poderá visitarse ata o domingo 20 de outubro, todos os días, de 10 a 23 horas. Os martes, mércores e xoves de 19 a 21 horas, haberá visitas guiadas para o público, e organizaranse  tamén percorridos para colectivos específicos.

Inauguración-presidente-Ctror Inauguración-comisión-AF-e-autoridades-2598x1713R Inauguración  público 2598x1713r Inauguración--Roi-Casal-2362x1713r