Arquivos da categoría Sen categoría

Tomiño declara ao pintor Antonio Fernández Fillo Predilecto da vila

O 27  de xaneiro de  2014 a corporación votou por unanimidade o nomeamento do artista goianés.

O goberno local designou Fillo Predilecto do Concello de Tomiño a Antonio Fernández Gómez “pola súa calidade como pintor; polo valor da súa obra dentro da historia da pintura galega, e pola súa implicación social desinteresada, pasando a ser un dos maiores filántropos do concello”. Na oportunidade, a alcaldesa Sandra González, adiantou que o día 16 de febreiro realizarase un acto oficial no que participarán distintos colectivos de Goián para render homenaxe ao insigne artista. Reproducimos a continuación a fundamentación da proposta da Alcaldía para o nomeamento de Fillo Predilecto:
O goberno municipal de Tomiño propón nomear Fillo Predilecto deste Concello ao ilustre pintor goianés Antonio Fernández Gómez.

Antonio Fernández naceu en Goián o 16 febreiro de 1882. Aos 12 anos emigra ao Brasil onde comeza a súa formación como pintor da man do artista alemán Ernest Papf. As cidades de Santos, Río de Janeiro e São Paulo acollerán as súas primeiras exposicións que o darán a coñecer entre o colectivo emigrante. A elas volverá asiduamente para vender as súas obras, estas xa feitas en Italia onde se establece desde o 1901. Na vila de Antícoli Corrado asentará a súa residencia durante varias décadas e é aquí onde realizará o maior volume de obras adquirindo a madurez artística.
1929 será o ano do seu regreso a Goián. Aquí vivirá ata o seu falecemento o 20 de novembro de 1970. Antonio Fernández adicará 40 anos da súa vida a pintar as súas paisaxes e as súas xentes, pero tamén desenvolverá unha polifacética labor social, humanista e intelectual. Así pois, organizará exposicións, escribirá artigos para varios semanarios, e implicarase nos aconteceres da súa parroquia. Antonio Fernández participará nas actividades e problemáticas de Goián, doará os terreos da súa casa natal na praza da Igrexa para escola pública, pintará un plano territorial de Goián a escala, estudará e recollerá restos arqueolóxicos, colaborará cos grupos de teatro do Centro Goianés pintando os escenarios, fará traballos de fotografía, e deseñará o Goián do futuro, con proxectos como os xardíns do Regatiño e a actual alameda, o campo de fútbol ou o segundo campanario da igrexa. Esta implicación de carácter altruísta e o seu carácter humilde erguerá unha personalidade cun recoñecemento público unánime, pasando a ser moi querido entre os seus veciños e veciñas .
Por todo isto, consideramos que o Concello de Tomiño debe recoñecer a Antonio Fernández como o seu Fillo Predilecto pola súa calidade como pintor e o valor da súa obra dentro da historia da pintura galega, e pola súa implicación social desinteresada, pasando a ser un dos maiores filántropos do Concello.
Este nomeamento vén a sumarse aos actos de homenaxe celebrados durante o ano pasado, e que continuarán no 2014, dentro do marco do Ano Antonio Fernández, organizado polo Concello e a Asociación Pintor Antonio Fernández.

O Auditorio de Goián acollerá este mes un ciclo de cine e arte e unha exposición fotográfica

cartelcine

A mostra de fotografía, de Juan Lemos, recolle paisaxes capturados no pobo italiano de Antícoli

Tomiño, 4 de novembro de 2013.- Continuando cos actos de homenaxe ao pintor de Goián, Antonio Fernández, o Concello organiza, en colaboración coa comisión do mesmo nome e o Cine Club Poleiro, o Ciclo de Cine e Arte e a exposición fotográfica de Juan Lemos “Antícoli, tralos pasos de Antonio Fernández”. O primeiro terá lugar os días sábado 16 e domingos 17 e 24 de novembro.

 Sábado, 16 de novembro: proxectarase “Pollock” (2000). Unha película sobre o influinte artista estadounidense Jackson Pollock (1912-1956) referente ao expresionismo abstracto. Dirixida, producida e interpretada por Ed Harris. Nova York, anos 40. Jackson Pollock e Lee Krasner, pintores e amantes, atópanse no centro do mundo artístico neoiorquino. Cando casan trasládanse ao campo; ela abandona o traballo para entregarse á arte de Pollock, que empeza a crear unha obra extraordinariamente orixinal que o converte no primeiro pintor moderno dos Estados Unidos. Pero a fama e a fortuna chegan acompañadas de dúbidas existenciales e episodios violentos.

O pase será ás 20:00 horas.

Domingo, 17 de novembro: proxectarase “Seraphine” (2008). Dirixida por Martin Provost, esta cinta narra a vida da pintora naif francesa, Seraphine Louis (1864-1942).  Unha muller rural que foi pastora, ama de casa e finalmente pintora. A comenzos do século XX, Wilhelm Uhde, un marchante e crítico de arte alemán, alquila unha casa en Senlis, para poder escribir e descansar. Estando allí, descubre por casualidade que a muller que fai a limpeza , Seraphine, de orixe humilde, pinta no seu escaso tempo libre. Wilhelm queda fascinado pola súa obra e anímaa a dedicarse á arte. A película acadou 7 premios César, incluído o de mellor actriz, para Yolande Moreau.
O pase será ás 18:00 horas.

Domingo 24 de novembro: proxectarase “Conversas co meu xardineiro” (2007). Dirixida por Jean Becker. Despois de terse dado a coñecer en París, un pintor regresa ao seu pobo natal en pleno campo. A casa da súa infancia ten un xardín espléndido que el, nin sabe, nin quere coidar. Pon un anuncio no xornal buscando xardineiro, e aparece un compañeiro a quen non vía dende tempos da escola. No seu contacto diario, o pintor descubre un home que lle intriga e lle asombra pola súa visión do mundo e a súa franqueza. O xardineiro aprende a apreciar o traballo do pintor cando comeza a observalo durante horas.
O pase será ás 18:00 horas.

Por outra banda, o día 16 de novembro inaugurarase tamén a exposición fotográfica de Juan Lemos, “Antícoli, tralos pasos de Antonio Fernández”, cunha vintena de instantáneas capturadas no pobo italiano de Antícoli, onde Antonio Fernández pintou moitos dos seus cadros. A exposición permanecerá aberta no Auditorio de Goián, ata o día 1 de decembro.

cine_programa

Máis dun millar de persoas visitaron a exposición-homenaxe Antonio Fernández, que pechou as súas portas no Centro Goianés

DSCN2693_calusura

Ao acto de clausura, que contou coa presenza do comisario da mostra e da directora do Museo de Lugo, asistiron máis de cen persoas
Máis dun millar de persoas visitaron a exposición “Antonio Fernández: Pintor de tres mundos”, durante os dezasete días en que a mostra permaneceu aberta ao público no Centro Goianés, en horario ininterrompido de 10.00 a 23.00 horas.
O pasado domingo, 20 de outubro, tivo lugar o acto de clausura, o que contou coa presenza da directora do Museo Provincial de Lugo (edificio que alberga unha sala con pinturas de A. Fernández), Aurelia Balseiro; o comisario da mostra, Carlos L. Bernárdez; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a concelleira de Cultura, Cristina Martínez; o concelleiro de Patrimonio e veciño de Goián, Uxío Benítez, ademais doutras autoridades locais e numeroso público.
Na oportunidade, Bernárdez agradeceu a confianza depositada nel para coordinar a mostra e asegurou ver a pintura e a figura de Antonio Fernández, a partir deste evento, de forma enriquecida. Desexou, asemade, que esta mostra “sirva coma punto de partida para levala a outros ámbitos, para que a súa figura poida ser revisada, e facer, por exemplo, unha grande exposición antolóxica sobre o pintor”.
A alcaldesa Sandra González, pechou oficialmente a mostra, salientando o número de visitas conseguidas, máis dun millar en total, incluíndo as visitas guiadas duns 500 escolares de primaria. Agradeceu especialmente a implicación de todas as persoas implicadas na organización e difusión da mostra, e asegurou que “este non é un punto y final, xa que seguiremos traballando na recuperación de nosos pintores”.
A exposición “Antonio Fernández: Pintor de tres mundos”,  forma parte do “Ano Antonio Fernández”; unha serie de actos organizados durante 2013 e 2014 e que comprenden, certames de pintura, visitas guiadas, excursións a museos, actividades escolares, ciclos de cine e música, etc.
Amenizou o acto de clausura un dúo de clarinetes da Agrupación Musical de Goián.

DSCN2700clausura DSCN2690clausura

Seiscentos alumnos de infantil e primaria visitan a exposición de antonio fernández

DSCN2555r

Máis de 600 escolares visitarán nestes días a exposición “Antonio Fernández: pintor de tres mundos”, instalada ata o 20 de outubro no Centro Goianés.

A actividade comezou esta mañá co colexio público Pintor Antonio Fernández de Goián (170 alumnos en total) e continuará durante toda a semana cos demais centros educativos do municipio.

A visita tivo o seu punto de partida na praza de Goián, cunha introducción teórica a cargo do alumnado de 5º e 6º de primaria, que se encargou de informar aos distintos grupos quén era Antonio Fernández, cando naceu, como se fixo artista, etc. Nesta liña, os estudantes relataron aos seus compañeiros, por exemplo, que el pintor “foi á escola de Dona Elvira, a quen lle chamaban ‘a pulga’, e alí fixo o debuxo da Estrela Polar no libro de matemáticas; este foi o seu primeiro debuxo e todos quedaron marabillados”, explicaron.

Entre os docentes se atopaban Mirta Misa, Uxi Ínsua e Tamara Martínez, directora, xefa de estudos e secretaria, respectivamente. As tres salientaron o entusiasmo dos rapaces e rapazas por afondar no coñecemento da vida e obra do pintor, que non dubidou en doar a súa antiga casa e terreos anexos para que se construíran as escolas vellas, xa que “el quería que os nenos e nenas estudasen”.

A segunda parte da visita, consistiu nun percorrido cara ao Centro Goianés, cunha parada para contemplar o edificio onde antigamente estaba o taller do artista.

Xa no Centro Goianés, os cativos e cativas, acompañados polos seus profesores, foron guiados pola exposición por Sara Quintana, licenciada en Historia del Arte e bolseira da Comisión Antonio Fernández, para recompilar e ordenar toda a información e testemuñas da figura do pintor.

En primeiro lugar, Sara Quintana comentou ao alumnado as viscicitudes que levaron ao pintor a emprender a viaxe a Brasil con tan so 12 anos. A continuación, foi explicando as principais etapas de traballo do artista mentres amosaba as obras, con praias do Brasil, paisaxes italianos e escenas típicas da vida cotián, animais, retratos, etc.

Para completar a actividade, que forma parte dunha serie de actos conmemorativos organizada polo Concello de Tomiño e Comisión Antonio Fernández, os escolares xogaron a confeccionar un puzzle das obras expostas.

As visitas repetiranse os día 8 de outubro (Barrantes), 9 de outubro (Tebra); 10 de outubro (Pedro Caselles) e día 11 de outubro, Sobrada.

DSCN2590rDSCN2606rDSCN2587r

Centos de persoas arropan a exposición-homenaxe a Antonio Fernández inaugurada en Goián

 Inauguración-1r Inauguración-2-Bernárdezr

A mostra foi presentada polo crítico de arte e historiador Carlos L. Bernárdez

A exposición “Antonio Fernández: Pintor de tres mundos”, foi inaugurada o venres 4 de outubro ás 20.00 horas no Centro Goianés, cun salón completamente abarrotado de público.

Organizada polo Concello de Tomiño e a Comisión Antonio Fernández, a mostra foi presentada polo crítico de arte e historiador Carlos L. Bernárdez, comisario da exposición, que estivo acompañado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a concelleira de Cultura, Cristina Martínez, o concelleiro de Patrimonio, Uxío Benítez, de Goián, e todos os membros da comisión Antonio Fernández.

A exposición, composta por unha vintena de cadros (entre os que se atopan paisaxes, escenas costumistas, retratos, etc.), foi cualificada polo comisario coma “excepcional”, tanto pola súa calidade, coma por tratarse da primeira destas características que se realiza en Galicia.

“Esta é unha exposición excepcional no contexto dunha vila coma esta, xa que se trata duna mostra que podería estar en calquera cidade”, apuntou Carlos L. Bernárdez.

O crítico de arte explicou que a mostra ten unha estrutura “narrativa”, segundo a cal pode ser visitada polo público. Neste sentido, Bernárdez explicou que a exposición comeza cos retratos do pintor; un de autoría de Xavier Pousa, e outro, do propio artista. A continuación poden verse as obras que foi realizando nas súas diferentes etapas. A do Brasil (país ao que emigrou con apenas 12 anos), Italia (en especial, a vila do Lazio “Antícoli”, onde perfeccionou e desenvolveu unha parte fundamental da súa obra ) e Goián (vila á que regresa na madurez e onde comeza a súa etapa de vinculación con outros artistas e coa sociedade en xeral.

O comisario da exposición salientou de xeito especial a dimensión humana e filántropa do artista goianés, ao que cualificou coma un “pintor de museo, cuxas obras resisten moi ben o paso do tempo e das modas”.

Ademais do comisario da exposición, interviron a concelleira de Cultura, Cristina Martínez e o presidente do Centro Goianés, Ramón Alonso. Ambos expresaron a súa grande satisfacción polo logro obtido entre veciños e Concello traballando de forma conxunta.

A alcaldesa de Tomiño, pola súa banda, agradeceu o esforzo e tesón de todas as persoas implicadas no proxecto, salientando a xenerosidade e entrega dos particulares e organismos que prestadores das obras (fundacións (Xavier Pousa, Mª José Jove, etc.), galerías de arte (José Lorenzo. Santiago; Monte Negro e Monte Blanco, Vigo), Museo Quiñones de León e particulares).

A alcaldesa, referiuse tamén á dimensión humana do pintor goianés, e explicou que “O Concello tiña unha débeda histórica con Antonio Fernández”. Asemade, a rexedora resaltou que “o maior mérito desta exposición é que é o resultado das ideas e traballo de todos”.

O acto foi amenizado polo dúo musical composto por Roi Casal (arpa) e Silvia Ferre (voz).

A exposición forma parte do “Ano Antonio Fernández”; unha serie de actos organizados durante 2013 e 2014 e que comprenden, certames de pintura, visitas guiadas, excursións a museos, actividades escolares, ciclos de cine e música, etc.

A mostra poderá visitarse ata o domingo 20 de outubro, todos os días, de 10 a 23 horas. Os martes, mércores e xoves de 19 a 21 horas, haberá visitas guiadas para o público, e organizaranse  tamén percorridos para colectivos específicos.

Inauguración-presidente-Ctror Inauguración-comisión-AF-e-autoridades-2598x1713R Inauguración  público 2598x1713r Inauguración--Roi-Casal-2362x1713r

O Centro Goianés acolle a partir do venres 4 de outubro, a exposición pictórica “Antonio Fernández: pintor de tres mundos”

Na mostra poderá verse unha vintena de obras procedentes de diferentes museos, fundacións, galerías de arte e coleccións particulares

A exposición “Antonio Fernández: Pintor de tres mundos”, será inaugurada no Centro Goianés, mañá venres, 4 de outubro de 2013, ás 20.00 horas.

Organizada polo Concello de Tomiño e a Comisión Antonio Fernández, a mostra está composta por unha vintena de cadros (entre os que se atopan paisaxes, escenas costumistas, retratos, etc.) procedentes de fundacións (Xavier Pousa, Mª José Jove, etc.), galerías de arte (José Lorenzo. Santiago; Montenegro. Vigo), Museo Quiñones de León e coleccións particulares.

A exposición, comisionada polo crítico de arte Carlos L. Bernárdez, permanecerá aberta ata o domingo 20 de outubro, en horario continuado de 10 a 23 horas. Ademais haberá visitas guiadas, os martes, mércores e xoves, de 19.00 a 21.00 horas.

Antonio Fernández Gómez,1882-1970, naceu en Goián (Pontevedra), e formouse no Brasil, país ao que emigrou de mozo, e en Italia, retornando logo á súa terra, onde continuou pintando e foi mestre doutros grandes artistas, como o tamén goianés, Xavier Pousa. Con respecto á súa pintura, e segundo Santiago Ramón y Cajal (“El Mundo visto a los ochenta años”): “Son de encomiar por belleza y fidelidad a la honrada pintura tradicional, los paisajes de Fernández Gómez”.

 

Un centenar de persoas, na súa maioría de Goián, visitaron o Museo provincial de Lugo para ver a obra de Antonio Fernández

Tomiño_lugo2

A directora do museo foi a encargada de guiar aos visitantes polo percorrido Tomiño, 2 de outubro de 2013.

Case cen persoas participaron na visita do pasado domingo (29 de setembro) ao Museo Provincial de Lugo, para coñecer a sala dedicada ao pintor goianés Antonio Fernández.

A comitiva encabezada polo concelleiro tomiñés de Patrimonio, tenente de alcalde e deputado provincial, Uxío Benítez, foi recibida polo delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, que participou tamén na visita guiada pola sala dedicada ao pintor goianés, na que se atopa case unha vintena de obras das diferentes etapas do artista.

Dada a cantidade de visitantes, fixéronse tres percorridos guiados, que estiveron a cargo da directora do museo, Aurelia Balseiro García, Licenciada en Historia da Arte na especialidade de Museoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, e de persoal especializado.

Esta visita forma parte da programación “Ano Antonio Fernández”, organizada polo Concello de Tomiño e Comisión Antonio Fernández e inaugurada en agosto co I Certame de pintura ao aire libre, e que agora ten continuidade na exposición da obra do pintor, entre o 4 e o 20 de outubro no Centro Goianés.

Ademais, no mes de novembro, haberá un ciclo de cine; en febreiro de 2014, unha homenaxe musical, e durante todo o curso escolar, diferentes actividades nos centros educativos do municipio.

Veciños e Concello de Tomiño

Veciños e Concello de Tomiño únense para recuperar e valorizar a figura do pintor goianés Antonio Fernández

A presentación tivo lugar esta mañá no salón de actos do Centro Goianés. A primeira das actividades programadas é o I Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández, que terá lugar o vindeiro domingo, e no que participarán trinta artistas.

Varias asociacións e colectivos vencellados á parroquia tomiñesa de Goián, e máis o Concello e un grupo de veciños e veciñas, decidiron no pasado mes de maio, constituír a Comisión Antonio Fernández, co fin de recompilar e difundir o traballo artístico dun pintor sen o recoñecemento social, artístico e persoal merecido.

Esta mañá, no Centro Goianés, símbolo da vida cultural e veciñal da parroquia, a Comisión A. Fernández presentou ante os medios de comunicación o actos e actividades enmarcados dentro do “Ano Antonio Fernández. 2013-2014″, a modo de homenaxe póstumo.

Presidiu o acto a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada do concelleiro de Urbanismo e Patrimonio, Uxío Benítez, e dunha vintena de representantes dos grupos e asociacións, implicadas na comisión organizadora (Comunidade de Montes de Goián, Asociación de Veciños de Goián, Centro Goianés, Comunidade de Usuarios de Augas de Goián, Asociación Cultural Eliseo Alonso, Cineclube Poleiro, Asociación Xuvenil Taíña, Fundación