Aula AF

aulamuseo antonio fernadez

A aula-museo foi creada polo Concello de Tomiño en xullo de 2014 a proposta da Comisión Antonio Fernández. Está situada na praza Antonio Fernández de Goián, na escola vella.

No ano 1950 Antonio Fernández formalizou co concello o seu desexo de doar o solar da súa casa natal para a construción do grupo escolar, hoxe coñecidas como escolas vellas. O edificio, construído en 1950, mantén practicamente intacto o seu deseño e estrutura orixinal e foi unha aula do CEIP Antonio Fernández. O Concello de Tomiño decidiu que era o mellor lugar para crear aquí a aula-museo do pintor.

O espazo amosa as diferentes facetas da vida do pintor, expoñendo documentos e obxectos persoais dos que Antonio Fernández nunca se desprendeu e que podemos mostrar grazas á cesión que fixeron algunhas persoas de Goián, entre elas Manuel Villa Troncoso, Leandro Alonso Rodríguez e a familia de Xavier Pousa.

O percorrido expositivo da Aula céntrase nas súas facetas persoal, periodística, arqueolóxica, artística, fotográfica e filantrópica que permiten afondar un pouco máis na vida e personalidade do artista. Unha vida que, ao igual ca súa obra, foi minuciosa, ordenada, paciente, humilde, sincera e honrada.