Filantropía

Defensor de Goián
Antonio Fernández foi toda a súa vida un paladín da defensa dos intereses comúns do pobo.

“Traía moitos proxectos para realizar en Goián, que sempre ocupaba un lugar preferente na súa mente e máis no seu corazón”. Antonio Fernández por Xavier Pousa. Artistas Galegos. Pintores (Rexionalismos I). Vigo, Nova Galicia Edicións. 1999

Foi quen comezou a planear a ordenación urbanística do Regatiño e a Alameda, foi quen conseguiu, xunto con outros veciños de Goián e os emigrantes en Brasil a reconstrución das pesqueiras; foi quen defendeu ás árbores da Avenida, do Punto da Barca, as sobreiras de San Roque e a pertenza do monte Carril a Goián, reivindicación frustrada a pesar de demostralo con diversa documentación e planos. Proxectou a construción da torre do reloxo na igrexa de Goián, a reconstrución da Atalaia e a restauración do Castelo (hoxe Espazo Fortaleza), proxectos que non chegaron a materializarse como consecuencia da gran depresión dos anos trinta.

Parte da súa vida en Goián dedicouna a realizar innumerables planos de excelente precisión non só de Goián senón do entorno do río Miño ata a súa desembocadura e participou colaborando coa veciñanza de Goián en actividades lúdicas como o deseño e elaboración das “globas” de papel.