A Aula-Museo abrirá todos os venres e sábados durante o verán

Antonio Fernández_Goián

Antonio Fernández : acceso á Aula-Museo

A Aula-Museo Antonio Fernández, creada polo Concello de Tomiño coa colaboración da Comisión Antonio Fernández, e inaugurada en Goián, pobo natal do pintor, permanecerá aberta durante os meses de xullo e agosto no seguinte horario: venres de 10 a 14 e de 17 a 21 horas e sábado de 10 a 14 horas.

A nova Aula-Museo reúne numerosos obxectos e documentos persoais do pintor xa desaparecido, así coma algunha das súas obras, e se sitúa no edificio das vellas escolas de Goián, construídas nos terreos doados polo artista para ese fin.

A instalación, deseñada polo arquitecto Xavier Pousa (fillo do artista do mesmo nome, que fora discípulo do mestre goianés), sitúase na planta baixa do edificio, na ala dereita do mesmo, e consta dunha sala principal, na que se poden atopar documentos, bosquexos, debuxos e obxectos do pintor Antonio Fernández.

Nunha sala contigua, o museo recrea o estudo do pintor goianés, co seu cabalete, paletas e maletín. Completan a instalación un busto en pedra de Antonio Fernández, obra de Xoán Piñeiro, que preside a entrada, e un equipo multimedia, con pantalla táctil, onde pode consultarse en detalle cada unha das obras e documentos expostos, así coma outros datos biográficos do pintor.

A Aula-Museo conta con rampla de acceso para persoas con discapacidade e cunha licenciada en Historia da Arte, que brinda información ao visitante.