Arquivo mensual: Xullo 2014

A Aula-Museo abrirá todos os venres e sábados durante o verán

Antonio Fernández_Goián

Antonio Fernández : acceso á Aula-Museo

A Aula-Museo Antonio Fernández, creada polo Concello de Tomiño coa colaboración da Comisión Antonio Fernández, e inaugurada en Goián, pobo natal do pintor, permanecerá aberta durante os meses de xullo e agosto no seguinte horario: venres de 10 a 14 e de 17 a 21 horas e sábado de 10 a 14 horas.

A nova Aula-Museo reúne numerosos obxectos e documentos persoais do pintor xa desaparecido, así coma algunha das súas obras, e se sitúa no edificio das vellas escolas de Goián, construídas nos terreos doados polo artista para ese fin.

A instalación, deseñada polo arquitecto Xavier Pousa (fillo do artista do mesmo nome, que fora discípulo do mestre goianés), sitúase na planta baixa do edificio, na ala dereita do mesmo, e consta dunha sala principal, na que se poden atopar documentos, bosquexos, debuxos e obxectos do pintor Antonio Fernández.

Nunha sala contigua, o museo recrea o estudo do pintor goianés, co seu cabalete, paletas e maletín. Completan a instalación un busto en pedra de Antonio Fernández, obra de Xoán Piñeiro, que preside a entrada, e un equipo multimedia, con pantalla táctil, onde pode consultarse en detalle cada unha das obras e documentos expostos, así coma outros datos biográficos do pintor.

A Aula-Museo conta con rampla de acceso para persoas con discapacidade e cunha licenciada en Historia da Arte, que brinda información ao visitante.

Inauguración Aula-museo Antonio Fernández, o día 4 de xullo en Goián

A nova instalación foi deseñada polo arquitecto Xavier Pousa, fillo do artista do mesmo nome, que fora discípulo do mestre goianés

DSCN9185rantoniofernadez

Coma colofón das actividades enmarcadas dentro do Ano Antonio Fernández, organizado polo Concello de Tomiño coa colaboración da Comisión Antonio Fernández, formada por entidades e particulares interesados en revalorizar e difundir a obra pictórica e filantrópica do artista goianés, o 4 de xullo, ás 21.00 horas, será inaugurada nas vellas escolas de Goián, a Aula-Museo Antonio Fernández, que reunirá parte da obra e algúns obxectos persoais do pintor e filántropo xa desaparecido.

A nova instalación, deseñada polo arquitecto Xavier Pousa (fillo do artista do mesmo nome, que fora discípulo do mestre goianés) coa colaboración de Lara Leal e Fundación Xavier Pousa, foi totalmente remodelada para acoller a colección doada por institucións e particulares.

As actividades enmarcadas dentro do “Ano Antonio Fernández. 2013-2014”, a modo de homenaxe póstumo, comezaron no mes de agosto do ano pasado, co Certame de Pintura ao Aire Libre, celebrado no Espazo Fortaleza.

Outras accións foron a creación dunha bolsa de investigación co fin de recoller e organizar a información existente sobre o autor, a exposición “Antonio Fernández, pintor de tres mundos”, e a creación desta “Aula-Museo”. Houbo máis actos conmemorativos, coma unha viaxe ao Museo Provincial de Lugo, un ciclo de cine e un homenaxe musical, procedendo tamén o goberno local a de nomear a Fernández “Fillo Predilecto a título póstumo”.