Arquivo mensual: Outubro 2013

Máis dun millar de persoas visitaron a exposición-homenaxe Antonio Fernández, que pechou as súas portas no Centro Goianés

DSCN2693_calusura

Ao acto de clausura, que contou coa presenza do comisario da mostra e da directora do Museo de Lugo, asistiron máis de cen persoas
Máis dun millar de persoas visitaron a exposición “Antonio Fernández: Pintor de tres mundos”, durante os dezasete días en que a mostra permaneceu aberta ao público no Centro Goianés, en horario ininterrompido de 10.00 a 23.00 horas.
O pasado domingo, 20 de outubro, tivo lugar o acto de clausura, o que contou coa presenza da directora do Museo Provincial de Lugo (edificio que alberga unha sala con pinturas de A. Fernández), Aurelia Balseiro; o comisario da mostra, Carlos L. Bernárdez; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a concelleira de Cultura, Cristina Martínez; o concelleiro de Patrimonio e veciño de Goián, Uxío Benítez, ademais doutras autoridades locais e numeroso público.
Na oportunidade, Bernárdez agradeceu a confianza depositada nel para coordinar a mostra e asegurou ver a pintura e a figura de Antonio Fernández, a partir deste evento, de forma enriquecida. Desexou, asemade, que esta mostra “sirva coma punto de partida para levala a outros ámbitos, para que a súa figura poida ser revisada, e facer, por exemplo, unha grande exposición antolóxica sobre o pintor”.
A alcaldesa Sandra González, pechou oficialmente a mostra, salientando o número de visitas conseguidas, máis dun millar en total, incluíndo as visitas guiadas duns 500 escolares de primaria. Agradeceu especialmente a implicación de todas as persoas implicadas na organización e difusión da mostra, e asegurou que “este non é un punto y final, xa que seguiremos traballando na recuperación de nosos pintores”.
A exposición “Antonio Fernández: Pintor de tres mundos”,  forma parte do “Ano Antonio Fernández”; unha serie de actos organizados durante 2013 e 2014 e que comprenden, certames de pintura, visitas guiadas, excursións a museos, actividades escolares, ciclos de cine e música, etc.
Amenizou o acto de clausura un dúo de clarinetes da Agrupación Musical de Goián.

DSCN2700clausura DSCN2690clausura

Seiscentos alumnos de infantil e primaria visitan a exposición de antonio fernández

DSCN2555r

Máis de 600 escolares visitarán nestes días a exposición “Antonio Fernández: pintor de tres mundos”, instalada ata o 20 de outubro no Centro Goianés.

A actividade comezou esta mañá co colexio público Pintor Antonio Fernández de Goián (170 alumnos en total) e continuará durante toda a semana cos demais centros educativos do municipio.

A visita tivo o seu punto de partida na praza de Goián, cunha introducción teórica a cargo do alumnado de 5º e 6º de primaria, que se encargou de informar aos distintos grupos quén era Antonio Fernández, cando naceu, como se fixo artista, etc. Nesta liña, os estudantes relataron aos seus compañeiros, por exemplo, que el pintor “foi á escola de Dona Elvira, a quen lle chamaban ‘a pulga’, e alí fixo o debuxo da Estrela Polar no libro de matemáticas; este foi o seu primeiro debuxo e todos quedaron marabillados”, explicaron.

Entre os docentes se atopaban Mirta Misa, Uxi Ínsua e Tamara Martínez, directora, xefa de estudos e secretaria, respectivamente. As tres salientaron o entusiasmo dos rapaces e rapazas por afondar no coñecemento da vida e obra do pintor, que non dubidou en doar a súa antiga casa e terreos anexos para que se construíran as escolas vellas, xa que “el quería que os nenos e nenas estudasen”.

A segunda parte da visita, consistiu nun percorrido cara ao Centro Goianés, cunha parada para contemplar o edificio onde antigamente estaba o taller do artista.

Xa no Centro Goianés, os cativos e cativas, acompañados polos seus profesores, foron guiados pola exposición por Sara Quintana, licenciada en Historia del Arte e bolseira da Comisión Antonio Fernández, para recompilar e ordenar toda a información e testemuñas da figura do pintor.

En primeiro lugar, Sara Quintana comentou ao alumnado as viscicitudes que levaron ao pintor a emprender a viaxe a Brasil con tan so 12 anos. A continuación, foi explicando as principais etapas de traballo do artista mentres amosaba as obras, con praias do Brasil, paisaxes italianos e escenas típicas da vida cotián, animais, retratos, etc.

Para completar a actividade, que forma parte dunha serie de actos conmemorativos organizada polo Concello de Tomiño e Comisión Antonio Fernández, os escolares xogaron a confeccionar un puzzle das obras expostas.

As visitas repetiranse os día 8 de outubro (Barrantes), 9 de outubro (Tebra); 10 de outubro (Pedro Caselles) e día 11 de outubro, Sobrada.

DSCN2590rDSCN2606rDSCN2587r

Centos de persoas arropan a exposición-homenaxe a Antonio Fernández inaugurada en Goián

 Inauguración-1r Inauguración-2-Bernárdezr

A mostra foi presentada polo crítico de arte e historiador Carlos L. Bernárdez

A exposición “Antonio Fernández: Pintor de tres mundos”, foi inaugurada o venres 4 de outubro ás 20.00 horas no Centro Goianés, cun salón completamente abarrotado de público.

Organizada polo Concello de Tomiño e a Comisión Antonio Fernández, a mostra foi presentada polo crítico de arte e historiador Carlos L. Bernárdez, comisario da exposición, que estivo acompañado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a concelleira de Cultura, Cristina Martínez, o concelleiro de Patrimonio, Uxío Benítez, de Goián, e todos os membros da comisión Antonio Fernández.

A exposición, composta por unha vintena de cadros (entre os que se atopan paisaxes, escenas costumistas, retratos, etc.), foi cualificada polo comisario coma “excepcional”, tanto pola súa calidade, coma por tratarse da primeira destas características que se realiza en Galicia.

“Esta é unha exposición excepcional no contexto dunha vila coma esta, xa que se trata duna mostra que podería estar en calquera cidade”, apuntou Carlos L. Bernárdez.

O crítico de arte explicou que a mostra ten unha estrutura “narrativa”, segundo a cal pode ser visitada polo público. Neste sentido, Bernárdez explicou que a exposición comeza cos retratos do pintor; un de autoría de Xavier Pousa, e outro, do propio artista. A continuación poden verse as obras que foi realizando nas súas diferentes etapas. A do Brasil (país ao que emigrou con apenas 12 anos), Italia (en especial, a vila do Lazio “Antícoli”, onde perfeccionou e desenvolveu unha parte fundamental da súa obra ) e Goián (vila á que regresa na madurez e onde comeza a súa etapa de vinculación con outros artistas e coa sociedade en xeral.

O comisario da exposición salientou de xeito especial a dimensión humana e filántropa do artista goianés, ao que cualificou coma un “pintor de museo, cuxas obras resisten moi ben o paso do tempo e das modas”.

Ademais do comisario da exposición, interviron a concelleira de Cultura, Cristina Martínez e o presidente do Centro Goianés, Ramón Alonso. Ambos expresaron a súa grande satisfacción polo logro obtido entre veciños e Concello traballando de forma conxunta.

A alcaldesa de Tomiño, pola súa banda, agradeceu o esforzo e tesón de todas as persoas implicadas no proxecto, salientando a xenerosidade e entrega dos particulares e organismos que prestadores das obras (fundacións (Xavier Pousa, Mª José Jove, etc.), galerías de arte (José Lorenzo. Santiago; Monte Negro e Monte Blanco, Vigo), Museo Quiñones de León e particulares).

A alcaldesa, referiuse tamén á dimensión humana do pintor goianés, e explicou que “O Concello tiña unha débeda histórica con Antonio Fernández”. Asemade, a rexedora resaltou que “o maior mérito desta exposición é que é o resultado das ideas e traballo de todos”.

O acto foi amenizado polo dúo musical composto por Roi Casal (arpa) e Silvia Ferre (voz).

A exposición forma parte do “Ano Antonio Fernández”; unha serie de actos organizados durante 2013 e 2014 e que comprenden, certames de pintura, visitas guiadas, excursións a museos, actividades escolares, ciclos de cine e música, etc.

A mostra poderá visitarse ata o domingo 20 de outubro, todos os días, de 10 a 23 horas. Os martes, mércores e xoves de 19 a 21 horas, haberá visitas guiadas para o público, e organizaranse  tamén percorridos para colectivos específicos.

Inauguración-presidente-Ctror Inauguración-comisión-AF-e-autoridades-2598x1713R Inauguración  público 2598x1713r Inauguración--Roi-Casal-2362x1713r

O Centro Goianés acolle a partir do venres 4 de outubro, a exposición pictórica “Antonio Fernández: pintor de tres mundos”

Na mostra poderá verse unha vintena de obras procedentes de diferentes museos, fundacións, galerías de arte e coleccións particulares

A exposición “Antonio Fernández: Pintor de tres mundos”, será inaugurada no Centro Goianés, mañá venres, 4 de outubro de 2013, ás 20.00 horas.

Organizada polo Concello de Tomiño e a Comisión Antonio Fernández, a mostra está composta por unha vintena de cadros (entre os que se atopan paisaxes, escenas costumistas, retratos, etc.) procedentes de fundacións (Xavier Pousa, Mª José Jove, etc.), galerías de arte (José Lorenzo. Santiago; Montenegro. Vigo), Museo Quiñones de León e coleccións particulares.

A exposición, comisionada polo crítico de arte Carlos L. Bernárdez, permanecerá aberta ata o domingo 20 de outubro, en horario continuado de 10 a 23 horas. Ademais haberá visitas guiadas, os martes, mércores e xoves, de 19.00 a 21.00 horas.

Antonio Fernández Gómez,1882-1970, naceu en Goián (Pontevedra), e formouse no Brasil, país ao que emigrou de mozo, e en Italia, retornando logo á súa terra, onde continuou pintando e foi mestre doutros grandes artistas, como o tamén goianés, Xavier Pousa. Con respecto á súa pintura, e segundo Santiago Ramón y Cajal (“El Mundo visto a los ochenta años”): “Son de encomiar por belleza y fidelidad a la honrada pintura tradicional, los paisajes de Fernández Gómez”.

 

Un centenar de persoas, na súa maioría de Goián, visitaron o Museo provincial de Lugo para ver a obra de Antonio Fernández

Tomiño_lugo2

A directora do museo foi a encargada de guiar aos visitantes polo percorrido Tomiño, 2 de outubro de 2013.

Case cen persoas participaron na visita do pasado domingo (29 de setembro) ao Museo Provincial de Lugo, para coñecer a sala dedicada ao pintor goianés Antonio Fernández.

A comitiva encabezada polo concelleiro tomiñés de Patrimonio, tenente de alcalde e deputado provincial, Uxío Benítez, foi recibida polo delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, que participou tamén na visita guiada pola sala dedicada ao pintor goianés, na que se atopa case unha vintena de obras das diferentes etapas do artista.

Dada a cantidade de visitantes, fixéronse tres percorridos guiados, que estiveron a cargo da directora do museo, Aurelia Balseiro García, Licenciada en Historia da Arte na especialidade de Museoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, e de persoal especializado.

Esta visita forma parte da programación “Ano Antonio Fernández”, organizada polo Concello de Tomiño e Comisión Antonio Fernández e inaugurada en agosto co I Certame de pintura ao aire libre, e que agora ten continuidade na exposición da obra do pintor, entre o 4 e o 20 de outubro no Centro Goianés.

Ademais, no mes de novembro, haberá un ciclo de cine; en febreiro de 2014, unha homenaxe musical, e durante todo o curso escolar, diferentes actividades nos centros educativos do municipio.