O artista madrileño Solano Jiménez gaña o IV Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández

gañadores certame pintura
Os segundo e terceiro premio foron para Manuel Carballeira Rivas e Sergio González Ribeiro, respectivamente.
Francisco Solano Jiménez, veciño de Torrejón de Ardoz (Madrid) resultou vencedor no “IV Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández”, celebrado este domingo no Espazo Fortaleza de Goián (Tomiño).
Dos 28 artistas participantes, tamén resultaron distinguidos Manuel Caballeira Rivas (Valdoviño. Ferrol) e Sergio González Ribeiro (Pontevedra), co segundo e terceiro premio, respectivamente.
O xurado, composto por recoñecidos artistas da zona, coma Eulalia Portela Jackson, Pilar Alonso e Mario Rodríguez, contou tamén coa presenza da alcaldesa de Tomiño, Sandra González e a concelleira de Cultura, Cristina Martínez, así como un membro da Comunidade de Montes de Goián.
Os tres premios (1000 euros; 500 euros e outros 500 euros) estiveron patrocinados polo Concello de Tomiño e Comunidade de Montes de Goián, a partes iguais.

IV Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández

Cartel-Pintura-2016Até o 20 de agosto está aberto o prazo para inscribirse no IV Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández.

A continuación pódense consultar as bases do certame.

Bases Certame Antonio Fernández

inscrición_pintura2016

Para inscribirse hai que enviar un correo ca ficha de inscrición a alcaldia@tomino.gal, ou de xeito presencial na Aula Museo Antonio Fernández o día 21 de agosto de 9:30 a 11:00 h.

Novo horario 2015

antoniofernadez_aula_museo

A Aula-Museo Antonio Fernández permanecerá aberta todos os primeiros e terceiros domingos de cada mes desde as 11:30 até as 13:30 horas. A aula disporá dun horario máis amplo durante os meses de xullo e agosto.

A disposición altruísta mostrada polos membros da Comisión fará posible un horario estable durante o ano 2015. O Concello de Tomiño agradece a súa boa disposición e colaboración para abrir a aula-museo, que posibilitará que a figura do ilustre pintor goianés sexa máis coñecida e recoñecida.

A Aula-Museo abrirá todos os venres e sábados durante o verán

Antonio Fernández_Goián

Antonio Fernández : acceso á Aula-Museo

A Aula-Museo Antonio Fernández, creada polo Concello de Tomiño coa colaboración da Comisión Antonio Fernández, e inaugurada en Goián, pobo natal do pintor, permanecerá aberta durante os meses de xullo e agosto no seguinte horario: venres de 10 a 14 e de 17 a 21 horas e sábado de 10 a 14 horas.

A nova Aula-Museo reúne numerosos obxectos e documentos persoais do pintor xa desaparecido, así coma algunha das súas obras, e se sitúa no edificio das vellas escolas de Goián, construídas nos terreos doados polo artista para ese fin.

A instalación, deseñada polo arquitecto Xavier Pousa (fillo do artista do mesmo nome, que fora discípulo do mestre goianés), sitúase na planta baixa do edificio, na ala dereita do mesmo, e consta dunha sala principal, na que se poden atopar documentos, bosquexos, debuxos e obxectos do pintor Antonio Fernández.

Nunha sala contigua, o museo recrea o estudo do pintor goianés, co seu cabalete, paletas e maletín. Completan a instalación un busto en pedra de Antonio Fernández, obra de Xoán Piñeiro, que preside a entrada, e un equipo multimedia, con pantalla táctil, onde pode consultarse en detalle cada unha das obras e documentos expostos, así coma outros datos biográficos do pintor.

A Aula-Museo conta con rampla de acceso para persoas con discapacidade e cunha licenciada en Historia da Arte, que brinda información ao visitante.

Inauguración Aula-museo Antonio Fernández, o día 4 de xullo en Goián

A nova instalación foi deseñada polo arquitecto Xavier Pousa, fillo do artista do mesmo nome, que fora discípulo do mestre goianés

DSCN9185rantoniofernadez

Coma colofón das actividades enmarcadas dentro do Ano Antonio Fernández, organizado polo Concello de Tomiño coa colaboración da Comisión Antonio Fernández, formada por entidades e particulares interesados en revalorizar e difundir a obra pictórica e filantrópica do artista goianés, o 4 de xullo, ás 21.00 horas, será inaugurada nas vellas escolas de Goián, a Aula-Museo Antonio Fernández, que reunirá parte da obra e algúns obxectos persoais do pintor e filántropo xa desaparecido.

A nova instalación, deseñada polo arquitecto Xavier Pousa (fillo do artista do mesmo nome, que fora discípulo do mestre goianés) coa colaboración de Lara Leal e Fundación Xavier Pousa, foi totalmente remodelada para acoller a colección doada por institucións e particulares.

As actividades enmarcadas dentro do “Ano Antonio Fernández. 2013-2014”, a modo de homenaxe póstumo, comezaron no mes de agosto do ano pasado, co Certame de Pintura ao Aire Libre, celebrado no Espazo Fortaleza.

Outras accións foron a creación dunha bolsa de investigación co fin de recoller e organizar a información existente sobre o autor, a exposición “Antonio Fernández, pintor de tres mundos”, e a creación desta “Aula-Museo”. Houbo máis actos conmemorativos, coma unha viaxe ao Museo Provincial de Lugo, un ciclo de cine e un homenaxe musical, procedendo tamén o goberno local a de nomear a Fernández “Fillo Predilecto a título póstumo”.